Monday 29 de April de 2024

Camariñas loita contra o cambio climático a través da compostaxe


· Atopámonos xa no ecuador do proxecto ‘Camariñas Composta’, subvencionado pola Xunta e os fondos FEDER con case 100 familias transformando os residuos dos seus fogares en compost e contribuíndo a frear o cambio climático

O Concello de Camariñas leva anos convencido de que a compostaxe é o mellor xeito de xestión para a súa materia orgánica e así o reflicte ano a ano sumando familias a esta iniciativa. Nesta nova fase, ademais de contar con xa case 100 novas familias participantes, atópanse moito máis repartidas por todo o termo municipal, unha cuestión importante para o aforro de emisións.

“Compostando nos fogares, evitamos que os residuos viaxen e reducimos as emisións de gases de efecto invernadoiro axundando a frear o cambio climático”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño que engade que “ademais, aproveitamos a sabedoría colectiva de todas as persoas de edicións pasadas para crear a Rede local de compostaxe, un espazo, por agora virtual, no que veciñas e veciños comparten as súas experiencias, axudan a resolver dúbidas e achegan trucos ou consellos valiosos para os que comezan. Esta rede está aberta a todas as persoas composteiras de Camariñas”.

Outra das novidades é que os centros de ensino do municipio tamén teñen a posibilidade de participar no proxecto. Por agora a punta de lanza lévaa o CEIP Ponte do Porto, que acaba de sumarse e seguro que servirá de inspiración ao resto.

A finais deste mes de maio, as técnicas de Amigos da Terra comezarán as visitas de seguimento nos domicilios, axudando ás participantes a resolver dubidas, recoller datos, dar recomendacións e facer un bo aproveitamento do proceso.